01/12/2012

MOROSA NA BIBLIOTECA


Monólogo
( Unha morosa algo desequilibrada) 

         Non está ben, paréceme moi mal. Que queren, quedou detrás dunhas caixas, escondido, acáboo de ver agora. Vin correndo a traelo. E vostedes, como agradecemento, castíganme -porque... si, isto é un castigo- xa sei que sete anos é moito tempo, pero paréceme inxusto: chégoo a saber e non veño, mire que lle digo, si, e ese diñeiro que aforro, porque... canto diñeiro é en total? Non se preocupe, xa o calculo eu. Cincuenta céntimos por cada día de atraso, dixo, verdade? (Saca o seu teléfono móbil). A ver, sete anos son... (teclea no móbil, a xeito de calculadora) Doce meses por sete...: Oitenta e catro meses... Cada mes ten, de media, trinta días... Iso son...: Dous mil cincocentos vinte días... dous mil cincocentos vinte días por cincuenta céntimos día... Total a pagar...: ¡ Mil dous centos sesenta euros!! Mil dous centos sesenta euros por devolver un libro! Era boa! Nin se lle ocorra cargarme iso na miña conta! E vostede que pensa! Borre a miña domiciliación agora mesmo! Están tolos ou que! Vaia norma de merda! Non se decatan de que con iso só van conseguir que a xente non queira devolver os libros? Atrásaste un par de semanas e cústache máis que un libro novo; Despístaste  uns meses e xa podes ir pedindo un crédito. E eu... que teño que facer eu? Pois sorte que se me acordou reformar o cuarto e apareceu o libro... Suponse  que unha biblioteca tería que promover bos valores, e a min, agora mesmo, estánseme remexendo as tripas, estanme a espertar os peores instintos, mire que lle digo. (Suplicando) Perdóeme, suplícollo. Non me veña con normas nin parvadas. E vostede, para que está aí, É un robot? Veña ho, por favor, perdóeme. Escóiteme, por favor. Non me perdoa? Moi ben. Faremos unha cousa: Teclee "Arredor de si"de Otero Pedrayo, e…  "Cantares gallegos", de Rosalía, e… "Viaxe ao país dos ananos", de Celso Emilio Ferreiro. Que lle sae? Ai levan sete anos fóra.Ai, agora que o penso, creo que os teño eu. Que fastío. Seguro que hai moita xente morrendo coa gana de ler eses libros, que mágoa. Mire, propóñolle algo: Se quere recuperar catro libros, perdóeme a multa, pola contra, en canto chegue á casa, empezarei a arrincarlles as páxinas, unha a unha, a eses tres libros. Amodiño… raaassss... (imitando a rotura dunha páxina con sádico pracer).

Autor: Marc Egea
Tradución e adaptación: Belén I . G.

0 comentarios:

Enviar um comentário