01/12/2012

NON SÓ ESTÁN TOLOS OS FALCÓNS, TAMÉN TOLEAN AS POMBAS


MONÓLOGO SOBRE O MALTRATO

Onte cumprimos un mes de mudarnos xuntos. (Pausa.) Na mañá, antes de saír cara á oficina, pegáchesme. Brutalmente. Para que non fose  traballar. Para que deixase o traballo. Para que non saíse soa. (Pausa.) Cando me pegaches por primeira vez sorprendíchesme como o falcón á pomba. Unha pomba tende a negarse a si mesma que os falcóns existen. (Pausa.) Cumprín a túa vontade. Por teléfono renunciei ao traballo porque tiña que... voar. Non comprendían. Colguei. O que si fixen foi saír soa. Axitar ata... me disfracei a forza de maquillaxe. (Pausa.) Cando me pegaches por primeira vez non percibiches que habería segunda só se eu o elixía. (Pausa.) Elixino. Elixín que me pegases por segunda vez para que non houbese primeira vez con outra. Nin terceira comigo. Agora ti e eu inauguraremos outra primeira vez. Eu, a primeira en que mutilarei. Ti, a primeira en que serás mutilado. Non van ser os teus ollos. Nin as túas pernas. Nin o teu pene. Vou cortarche as mans. As mans que golpean. (Pausa.) Para iso te droguei. Atei. Amordacei. Ao mediodía comprei o machado. Algo se sorprendeu o vendedor. Pero son tempos de crise. Expliqueille da leña... e das raíces que dexeneran e non crecen cara a dentro, benfeitoras; senón que destrúen fóra... Non  engadín: "... destrúen fóra como dinamitan as nubes os falcóns ao voar... " Quixen dicirlle que o machado ía ser como outra á dunha pomba que... Non o fixen porque temín que me crese tola. (Pausa.) Cortareiche as mans. Avisarei á ambulancia. E marcharei. Se non logro voar lonxe afrontarei o que haxa que afrontar. Todo será mellor que a humillación, o medo, a ameaza... e a morte. Unha ou outra morte. Onte souben que me matarías porque eu non ía quedar contigo para que volveses golpearme. E ti considerábasme a túa propiedade. Podes aínda considerarme a túa propiedade? (Pausa.) Asegurareime de que non che transplanten as mans que golpean. Son para os cans. Están fóra. Todos estamos famentos. A pomba. A xustiza. Tamén está famenta a miña terceira á! Tamén está famento o machado!
 Autor: Francisco Garzón Céspedes.
Tradución e adaptación: Belén I.G.

0 comentarios:

Enviar um comentário