01/12/2012

O PESADELO DE DRÁCULA


OBRA PARA DOUS PERSONAXES.

PERSONAXES:
- CONDE DRÁCULA
- MISSIS ANDREWS

(O coqueto cuarto de Missis Andrews, unha refinada dama inglesa bastante entradiña en anos. Cara a un lateral, deberá estar a ventá por onde aparece o Conde Drácula. O vampiro do comezo pode facerse cun monicreque ou un morcego de plástico, atado cunha tanza, que se note ,para facer máis cómica a situación.)
MISSIS ANDREWS: 
(É de noite e dorme pesadamente na súa cama de costas ao público. Emite sonoros ronquidos. De súpeto, pola ventá entra voando un vampiro que voa sobre a cabeza da muller. Sen sequera abrir os ollos, do costado agarra un matamoscas e dun golpe sácao subitamente de escena.)
DRÁCULA: (Entra todo moreteado e sobando a cara) ¡ Anotaron a matrícula do camión!? (Ao ver a súa vítima durmindo, recomponse e mentres ri malevolamente, envólvese na súa capa e desaparece de escena para que o vampiro volva ingresar e voar sobre a cabeza da muller.)
MISSIS: (Outra vez, sen abrir os ollos, do costado agarra un aerosol.) Como enchen estes mosquitos! (fumígao e tusindo o vampiro sae de escena.)
DRÁCULA: (Entra tusindo.) Esta é a noite de burlarse do vampiro? Pero pagaraa cara... (Sixilosamente achégase á muller, mostra os seus dentes e vai mordela cando a muller lle mostra a cara, toda enzoufada nunha máscara cosmética.) O monstro do pantano!
MISSIS: (Espértase asustada.) Onde?
DRÁCULA: Aí, na cama...
MISSIS: E vostede por onde entrou?
DRÁCULA: Pola ventá. Por onde ingreso todas as noites aos cuartos das miñas vítimas...
MISSIS: Vostede debe ser Drácula...
DRÁCULA: (Subliña con orgullo.) O conde Drácula!
MISSIS: Eu sabía que tarde ou cedo ía vir visitarme (Levántase.) Por iso estaba a esperalo cuns canapés. É unha honra recibir alguén tan famoso. (Achégalle unha bandexa con petiscos.) Tome, probe...
(Drácula dubida, pero agarra un.)
MISSIS: Fíxenos eu mesma cunha pasta de allo que me sae   riquíiiiiisima.
DRÁCULA: ¡Allo! (Cuspindo)
MISSIS: Supoño que vén a trabarme no pescozo...
DRÁCULA: (Ameazante.) Supón ben... prepare a caluga.
MISSIS: (Prepárase.) Que emocionante! Ata me puxen unhas pingas de perfume do lado da xugular...
DRÁCULA: Non, non vou poder mordela. A colonia ten alcohol e eu non bebo en horas de traballo...
MISSIS: Non o sabía. E agora que facemos?
DRÁCULA: A vea do pulso, podo chuparlle sangue de aí.
MISSIS: É que me puxen esta máscara bronceadora en todo o corpo. É sobre a base defeita con cogombro, aceite de castor e merengue italiano.
DRÁCULA: Tampouco vai poder ser. Ten merengue e eu non son nada larpeiro.
MISSIS: Que mágoa! Pero debería usalo, nótoo pálido. Non quere untarse un pouco? O sol está cada día máis picante, pero con isto terá un bronceado envexable.
DRÁCULA: Non. Quero zugar o sangue e volver ao meu cadaleito ben ceado.
MISSIS: Non sei que outra parte do meu corpo ofrecerlle.
DRÁCULA: A perna esquerda (Agárralla.)
MISSIS: (Intenta zafar se.) Non, esa perna non! Mellor...
DRÁCULA: Non lle vai doer. Pero mire para outro lado, non me gusta que me vexan comer...
MISSIS: Espere, teño que avisalo  de que...
DRÁCULA: Silencio que me desconcentra! (Mórdea, pero os seus cairos chocan contra algo duro.)
MISSIS: Se será testán! Dicíalle que esa perna non, é de madeira.
DRÁCULA: (Dorido.) Os cairos! Os cairos! Vou ter que substituílos. Que dor!
MISSIS: Non sexa mixiricas. Veña ,que llos saco para que lle pase…
DRÁCULA: Non, mellor deixe.
MISSIS: Non me vai dicir que ten medo á dor? Un vampiro mangallón como vostede (Átalle un fío ao cairo e mentres vai facendo o que explica.) Vou atar este extremo da corda ao picaporte da porta aberta, cando a peche, adeus dor de cairo!
DRÁCULA: Mellor aguanto, o dentista da seguridade  social para vampiros atende toda a noite...
MISSIS: Quieto, que aí vai! (Séntese o ruído da porta que se pecha. O fío tira e arráncalle a dentadura por completo. Volve.) Viu que non era para tanto...
DRÁCULA: (Coa dentadura na man.) Pero vostede quéreme matar?! Busque unha estaca e remate comigo dun só tirón.
MISSIS: Foi un accidente...
DRÁCULA: E agora que fago? Deixoume sen cubertos. Voume ter que xubilar.
MISSIS: Ou empezar a beber sangue cunha palliña.
DRÁCULA: Ou esperar que se produza algún accidente para mollar o pan no sangue  dalgún ferido (Chora.)
MISSIS: Cálmese home! (Anota.) Aquí doulle o nome dun sobriño que traballa nun Banco de Sangue, estará encantado de darlle os litros que queira...
DRÁCULA: (Sen deixar de chorar.) Vou ser o bufón dos monstros!
MISSIS: Reláxese... déixeme abrir a ventá así o aire faille ben...
DRÁCULA: Non, a ventá non...
MISSIS: (Mentres sae ao lateral onde estaba a ventá.) Pero todo na súa vida é dicir que non!!!
(Descorre a cortina e comeza a entrar o sol.) Ai, xa está amencendo. Mire que sol máis bonito...
DRÁCULA: (Cóbrese como pode.) Sol! Sol! Sol! (Comeza a derreterse.) Dígalle á miña esposa que hoxe non me espere! (Morre.)
MISSIS: Viu, eu xa llo dixen, se se tivese posto a miña máscara bronceadora isto non lle tería pasado.


FIN

Autor: Fabián Sevilla 
Tradución e adaptación: Belén I.G.

0 comentarios:

Enviar um comentário