01/01/2013

CONTO DE BOTAR AS TRIPAS FÓRA

Era unha muller que tiña un fillo medio tolo, e o fillo xa era mozo. Un día, o mozo díxolle á nai que quería marchar polo mundo adiante.
A nai non o quería deixar ir, pero tanto el insistiu e tanto el porfiou, que ó final tivo que darlle permiso. Antes de marchar, mataron un año e comérono, pero como o mozo non estaba a gusto se non facía algunha toleada, colleu as tripas do año e atounas de arredor do seu bandullo como se fosen un cinto.
Despedíronse a nai e mais o fillo, e a nai deulle un consello:
—Fálalle a todo o mundo con educación. Tes que dar os  bos días, as boas tardes e as boas noites, e cando encontres a alguén traballando, dilles "Deus vos axude".
O tolo marchou por un camiño e encontrou a dous homes pelexando. Acordouse do consello da nai e díxolles:
—Boas tardes. Deus vos axude.
Os que pelexaban pensaron que estaba a burlarse deles e contestáronlle:
—¿Como que Deus nos axude? ¡Ímoste axudar nós a ti!
Pararon de pelexar entre eles e déronlle unha malleira ao tolo. Cando cansaron, o tolo díxolles:
—Eu se vos dixen "Deus vos axude" foi porque miña nai me mandou.
—Pois así non se di.
—¿E logo como hei dicir?
—Deus vos aparte.
O tolo seguiu polo camiño e chegou á porta dunha igrexa onde estaban a facer unha voda, e díxolles:
—Boas tardes. Deus vos aparte.
Os da voda, oíndo aquilo, fóronse a el e zoupáronlle ata quedar sen folgos.
—¿Por que me pegades?
—¿E aínda o preguntas? Por dicir "Deus vos aparte".
—¿E logo como hei dicir?
—Tes que dicir "Deus vos aumente".
Botou a andar outra vez o tolo. Viu un home que estaba a curar uns furunchos que lle saíran nunha perna, e díxolle:
—Boas tardes. Deus vos aumente.
O que lle aumentaron foron os paus ao tolo, pois aquel home deulle unha tunda que non é para contala. O toliño comprendeu que non falara como debía, e preguntou:
—¿Seica non falei ao xeito? ¿Como teño que dicir?
—Tes que dicir "nin nazan nin reverdezan".
De alí a un pouco viu a uns labregos que andaban a sementar o trigo e díxolles:
—Boas tardes. Nin nazan nin reverdezan.
Os labregos pegaron a correr atrás del. Pero o tolo, que xa viña escarmentado, escapou. Como lle estorbaban as tripas do año que traía na cintura, sacou a navalla e cortounas.
Unha muller que traía a comida para os labregos berrou:
—Non o colledes, que sacou a navalla e botou as tripas fóra, e agora corre moito máis.
Os labregos pensaron que para collelo habían de facer o mesmo, sacaron as navallas, e cada un abriu o seu bandullo. E, claro, alí quedaron no sitio.

0 comentarios:

Enviar um comentário