01/01/2013

DOUS LEÓNS

Dous leóns lograron fuxir dun parque zoolóxico. Corrían xuntos escapando dos seus perseguidores, pero viron que, separándose, había máis posibilidades de que non os collesen. Entón despedíronse como compañeiros de prisión que foran, desexándose boa sorte, e cada un tomou un camiño diferente.
Así, un tirou para o norte, cara as leiras, as fragas e os montes que rodeaban a cidade. O outro tirou para o sur, cara o centro, ateigado de coches, vivendas, oficinas e comercios. Os dous evitaron Os gardas que os perseguían e estiveron uns dous meses fuxidos.
Un día, o león que se escondera na montaña regresa co rabo entre as pernas, sucio, esquelético, pálido, magoado,... e comeza a rabuñar a porta do zoolóxico para entregarse, triste e sen forzas para loitar. Os guardas préndeno e méteno na súa gaiola. Alí empeza a recuperarse pouco a pouco, pero sempre botando de menos o seu compañeiro, que fuxira cara á cidade e ao que daba por morto.
Cal non sería a súa sorpresa cando oe un estrondo de bramidos, motores e berros que o fai acordar da sesta. Oito gardas levan encadeado  un león fornido, brioso, con pelo brillante, con músculos espectaculares, con vigor na mirada... ¡capturaran o seu compañeiro, estaba vivo!
Cando se reuniron na gaiola, alegres de verse xuntos aínda que presos, cada un contou o seu periplo. O primeiro ceibou un salouco e dixo:
—Ai, que triste é a miña historia. Fuxín cara á montaña, non atopei nada para comer, o gando estaba ben gardado nas cortes, a xente tiña armas de fogo, non había animais salvaxes... Pasei moitísima fame e tamén frío, non había covas para durmir, só toxos e pedras... Tiven que rendirme e entregarme. Pero... ¿e ti? ¿como é que chegas con tan bo aspecto, tan lustroso, tan forte?.
O segundo suspirou saudoso:
—Eu tívenche moita sorte, corría pola cidade sen rumbo, entre atascos de tráfico, e de pronto encontrei un edificio que poñía "Xunta de Galicia". Escondinme nos garaxes. Cada día ía comendo un funcionario... ¡aquilo era unha bicoca! Ninguén os botaba en falta, non mandaban investigar nin nada... Pensaban que estarían de baixa, facendo recados, que colleran días moscosos... ¡que sei eu! O caso é que eu vivía a corpo de rei. Durmía nun coche oficial que tiñan de sobra... ¡que vida, chico!
—Pero iso... é incrible... ¿e cómo é que te colleron?

—Porque un día cometín un tremendo erro, un erro do máis infantil. Xa comera un director xeral, dous subdirectores, cinco ou seis xefes de servizo, dez ou doce inspectores, sempre sen problemas. De súpeto, un día, ocorréuseme comer un auxiliar administrativo... e despois averigüei que ademais de facer o traballo de todos, tamén botaba as quinielas e preparaba o café e, amigo,... todos empezaron a preguntar por el, a buscalo por todas partes, houbo unha mobilización tremenda, e aí foi como me descubriron e se me acabou o choio.

0 comentarios:

Enviar um comentário