01/01/2013

O REPARTO DAS TROITAS

Isto sucedeu haberá uns cincuenta anos na aldea de Vilar de Mato, en Cuntis (Pontevedra). Aló vivían dous curmáns, Heladio e Emilio, que a pesar de que eran moi distintos e de que sempre andaban a rifar, estaban sempre xuntos como se fosen uña e carne. O Heladio era o máis vello dos dous e, aínda que non era ben listo, tiña habilidades innatas para a arte da pesca. 
Foi o caso que un día Emilio propúxolle ao seu parente ir botar as canas ao río, e acordaron repartir a pesca a partes iguais ao final da xornada. Tal como era de esperar Heladio colleu moitas máis troitas. Pero un trato é un trato. Para facer o reparto apuntouse axiña Emilio, que fora un par de anos á escola e sabía algo de números. 
—Unha para min, outra para ti, outra para min... —contaba o máis novo en voz alta.
—Unha para min, outra para ti, outra para min; unha para min, outra para ti, outra para min; unha para min, outra para ti, outra para min...
E así ata repartir coa súa peculiar malicia un total de cincuenta e oito peixes. Ao rematar, mirando Heladio para un e outro monte de troitas, e quedando pampo ao ver que a parte do seu curmán era ao menos o dobre da súa, dixo abraiado:
—¡Manda truco, Milio!, se non chas vise contar pensaba que me enganabas.

0 comentarios:

Enviar um comentário