01/02/2013

A xustiza pola man.


Le o poema de Rosalía de Castro e escoita a versión musicada por Nao. A continuación contesta as cuestións que se indican.

Aqués que tén fama de honrados na vila, 
roubáronme tanta brancura que eu tiña; 
botáronme estrume nas galas dun día,
a roupa de cote puñéronma en tiras.

Nin pedra deixaron en onde eu vivira;
sin lar, sin abrigo, morei nas cortiñas;
ao raso coas lebres durmín nas campías;
meus fillos..., meus anxos...!, que tanto eu quería,
 morreron, morreron coa fame que tiñan!

Quedei deshonrada, mucháronme a vida,
 fixéronme un leito de toxos e silvas,
i en tanto, os raposos de sangue maldita,
tranquilos nun leito de rosas durmían.

- Salvádeme , ou xuíces! -berrei...,  Tolería !
De min se mofaron , vendeume a xustiza.
- Bon Dios axudaime - berrei, berrei inda...
Tan alto que estaba bon Dios non me oira.

Entonces, cal loba doente ou ferida
dun salto con rabia pillei a fouciña,
rondei paseniño... Ne as herbas sentían!
E a lúa escondíase , e a fera durmía
cos seus compañeiros en cama mullida.

Mireinos con calma, e as mans estendidas, 
dun golpe, dun soio!deixeinos sen vida.
E ao lado, contenta, senteime das vítimas,
tranquila, esperando pola alba do día.

E entonces, entonces cumpriuse a xustiza;
eu, neles; e as leises, na man que os ferira.

Rosalía de Castro ,   Follas Novas (Do íntimo)





SUXESTIÓNS PARA A LECTURA E COMPRENSIÓN DO POEMA

1 -   Sinala cal é a voz lírica do poema.Como aparece caracterizada e en que persoa se expresa?
2 -   Identifica no poema as seguintes  partes atendendo ao  tema tratado e analizando as cuestións sinaladas :
a) - Exposición dunha situación inxusta 
Xustifica se se pode considerar narrativa  esta parte do poema.
 Analiza como se contrapón o eu e o eles. Que  recursos que se utilizan nesta parte e ao longo do poema para a contraposición? E para intensificar a gravidade do tema ?
b )-Petición de xustiza non cumprida. 
Analiza que función da linguaxe predomina nesta parte tendo en conta quen son os destinatarios da mensaxe da voz lírica.
Que recursos se utilizan para darlle maior intensidade á petición?
c) - Vinganza.Cumprimento da xustiza.
- Xustifica se hai ou non narratividade.
- Fíxate na metáforas e comparacións coas que se alude aos protagonistas. Cres que teñen algunha significación?
Sinala o cambio producido no estado anímico do emisor nos dous últimos versos.A que é debido o cambio?

0 comentarios:

Enviar um comentário