01/01/2013

AMIGOS SI , PERO...

Amigos sí, pero...

            Criáranse xuntos, xuntos foran á escola e xuntos traballaron mercando e vendendo chatarra.Andaran todos os arredores e coñecían moita xente.Compartían os moitos esforzos e os escasos beneficios que aquel traballo lles daba.
Por iso chegou o día en que un, decidiu probar sorte e emigrar. Non lle gustaba moito a idea, pero quería probar en América.
Pasaron os anos e un día, como tantos outros, volveu pobre como as arañas e con moi pouca saúde. Preguntou polo seu amigo e dixéronlle que deixara o negocio ruinoso da chatarra, que agora vivía ben e traballaba na vila vendendo castañas asadas na temporada e que, só con iso, tiña para pasar folgadamente o resto do ano nunha casiña que fixera chegando á estación do tren. Dixéronlle tamén que, si quería velo, estaría diante da oficina bancaria que había na Paraza Maior, que alí estaba o posto, co seu asador de castañas que semellaba unha máquina do tren e vendéndoas por cornetes

Achegouse alí. Mirouno de lonxe e seguía coma sempre, aínda que  agora co seu trebello dándolle voltas ás castañas que asaba. Tiña moita xente agardando para lle mercar e o certo é que soltaban un arrecendo impresionante por toda a praza. Cando se viron déronse unha forte apreta e falaron, e riron, e comeron castañas e lembraron cousas e xuntos venderon castañas para ter tempo para eles e seguir falando. Ao final xa cando levaban un bo anaco de palique, un dixo:
- Pois xa ves, non me foi moi ben en América estes anos e mesmo veño algo enfermo e contando de me recuperar e seguir traballando mentres o corpo aguante.
- Ai home. Pois eu aquí che estou, diante do Banco e dedicado plenamente ao negocio das castañas. Xa ves que ben me vai. Hai días que non dou feito. Vivo folgadamente e sen luxos, pero este negocio, por desgraza, non dá para os dous e por riba eu teño unha boa familia. De todos os  xeitos se te ves necesitado...
- Xustamente a iso viña, a ver se me prestabas algo.

- Pois síntocho ben, home. Pero temos un trato feito que non podo romper coa oficina bancaria de aí de diante: "nin eu podo prestar cartos, nin eles poden asar castañas".

0 comentarios:

Enviar um comentário