01/01/2013

O GALO, A GADAÑA E A ESCADA

Era unha familia moi pobre. Morreron os pais, e os tres irmáns non tiveron apenas herdanza que repartir. Ao maior deixáronlle unha escada. Ao do medio, unha gadaña. E ao pequeno, un galo.
O pequeno colleu o seu galo e marchou polo mundo adiante. Despois de moito andar, chegou a unha aldea onde cada noite xunguían o carro coas vacas e ían buscar o día. Pensaban que, se non o ían buscar, non viña e era sempre noite.
O rapaz, que quedara a durmir nunha casa, viu aquel movemento e preguntou:
—¿E logo para onde van a estas horas?
—Imos á procura do día que, se non imos, non vén e é sempre noite. Facemos quendas, a cada veciño tócalle unha noite e hoxe tócame a min.
—Pois eu teño un aparello chamado carretamañás, que trae o día sen que haxa que xunguir as vacas nin nada.
—¿Que ha traer?
—Trae tal. Se quere probámolo hoxe.
—Pois ímolo probar.
E agardaron. Cando se achegaba o día, o galo deu en cantar, claro:
—¡Cacaracá!
Os paisanos colleron algo de medo, e preguntaron:
—¿Que foi o que dixo o aparello ese?
—O carretamañás di que logo vén o día. Halle de faltar unha horiña.
De alí a pouco o galo cantou outra vez:
—¡Cacaracá!

—¿E agora que di?
—O carretamañás non mente. Faltaralle unha media hora.
E volveu cantar o galo:
—¡Cacaracá!
—¿Que di?
—Que xa chegou o día. Abran as ventás e hano de ver.
Foron mirar e, claro, era día. E dixéronlle os paisanos:
—¡Ai, que ben nos viña o aparello este! ¡Canto traballo nos aforraba! ¿E logo non nolo venderá?
—Vendo, pero o carretamañás cústalles moito.
—Dámoslle os cartos todos que hai no barrio.

Xuntáronse os veciños e déronlle unha morea de cartos, tantos que non podía con eles e tivo que deixar algúns. E volveu contento para a casa.

O irmán do medio, vendo que o pequeno viña rico, colleu a súa gadaña e decidiu saír el tamén polo mundo. Despois de moito andar, chegou a unha aldea onde segaban agarrando un as pallas e cortándoas outro unha a unha coa navalla. E, claro, así tardaban unha eternidade. Cando viu isto, díxolles:
—¿E logo non saben segar doutra maneira?
—Non, señor. ¿E logo haina?
—Eu teño a segaaxiña, unha máquina que fai o traballo en moito menos tempo.
—Pois querémolo ver.
Púxose el a segar coa gadaña e, claro, acabou decontado. E dixéronlle os paisanos:
—¡Ai, que ben nos viña o aparello este! ¡Canto traballo nos aforraba! ¿E logo non nolo venderá?
—Vendo, pero a segaaxiña cústalles moito.
Xuntáronse os veciños e déronlle unha morea de cartos, tantos que non podía con eles e tivo que deixar algúns. E volveu contento para a casa.

O maior dos irmáns, vendo que os outros dous viñeran ricos e el seguía pobre, botou a súa escada ao lombo e foise polo mundo adiante. Pero non daba feito nada. Mesmo se rían del.
Unha noite, aburrido da escada, arrimouna á parede dunha casa para se desfacer dela. Xa ía marchar cando sentiu voces no andar. Picado pola curiosidade, subiu cerca da ventá para oír mellor. Dentro había un matrimonio, e a muller queixábase:
—¡Ai, home, a ver se me amañas esa cociña, que a teño toda estragada! A quen ma amañase, non sei o que lle daba.
—Ti, por dar, dábaslle os cartos todos que temos agachados na artesa.
—Cala, home, que aínda te han oír os veciños.
O da escada baixou, esperou toda a noite e, cando o marido marchou para o traballo, púxose a pregoar:
—¡O amañador de cociñas! ¡Amaño cociñas, fornos e chemineas!
Petou na porta e, cando a muller lle abriu, díxolle:
—Señora, veño de parte do seu marido para lle amañar a cociña, que seica a ten moi estragada. Díxome que, para el, o máis importante do mundo era ter a súa muller contenta, e que me había pagar cuns cartos que tiña na artesa.
A muller non desconfiou, porque as señas eran boas, e deixouno pasar. O da escada amañou a cociña e cobrou os cartos. Así que estivo ben lonxe, desfíxose da escada botándoa nunhas silveiras, onde non a vise ninguén. Nestas, o marido volveu á casa e a muller recibiuno toda contenta:
—Ai, ho, des que me mandache ese home quedei na gloria. ¡É que antes non podía facer nada!
—¿Pero que home? ¿Que home che mandei?
—E... chegou un home dicindo que viña de parte túa, que para ti o máis importante era ter contenta á túa muller, que me amañaba a cociña e que lle pagase cos cartos da artesa. E, como onte falamos disto, eu pensei que era verdade e pagueille.
—Ai, muller, eu non mandei ninguén. Ese home roubouche os cartos. Vou ver se o collo.
Montou o marido na besta e foi polo camiño preguntando se alguén vira un home cunha escada. E encontrou ao amañador pero, claro, como non tiña a escada, non o coñeceu. Ao amañador déralle un apuro e baixara os calzóns por tras dun valado. Vendo que viña o da besta, púxolle a boina por riba ao pastel. E así que o tivo tapado, púxose a dicir:

—¡Quieto, paxariño, quieto! ¡Quieto, paxariño, quieto!
Entón chegou o da besta e preguntou:

—¿E non vería pasar a un home cunha escada?
—Vin tal. ¡Quieto, paxariño, quieto!
—¿E collereino?
—¡Ca! Vostede non o colle, que o da escada leva un cabalo moi bo. ¡Quieto, paxariño, quieto! Agora, eu si que o collía, que eu fixen o servizo en cabalería e éralle dos mellores. ¡Quieto, paxariño, quieto!
—Pois se me fose atrás del e mo collese, habíallo de pagar ben, que me roubou moitos cartos.
—Pero, home, non podo. ¿Non ve que teño que coidar o paxariño? ¡Quieto, paxariño, quieto! Este paxariño vale moitos cartos e non se me pode escapar.
—Pero cóidollo eu.
—Vale, pero non lle toque ao paxariño.
O amañador montou na besta e o outro quedou coa boina dicindo "Quieto, paxariño, quieto". Pero pasou o tempo, o amañador non volveu, e quixo ver o paxariño que había debaixo da boina. Meteu os dedos amodiño e sacou a man chea de merda. Como lle deu noxo, sacudiu a man e, como estaba á beira dun valado, cravou a man nun espeto. Como lle doeu, meteu a man na boca e tivo que se ir lavar ao río. E dixo:

Por falar cando non toca, 
perdín o diñeiro todo, 
e por non andar amodo, 
tiven que lavar a boca.

0 comentarios:

Enviar um comentário