05/10/2015

A RECENSIÓN CRÍTICA


PASOS A SEGUIR NA RECENSIÓN CRÍTICA  OU COMENTARIO DUN LIBRO
Elaborar unha recensión é comentar un libro e realizar unha critica persoal. Para iso, debemos seguir os seguintes pasos:
1.       Facer unha lectura reflexiva do libro.
 Ler con atención reflexiva un libro supón ir lendo cun lapis na man, para subliñar aqueles pensamentos, ideas que nos interesan, nos chaman a atención  ou descoñecemos total ou parcialmente. Esta medida de lectura intelixente axuda despois de terminado o libro, a ter unha "columna vertebral" de todo o seu contido.
Mentres les, poidas apuntar aqueles pensamentos, ideas ou suxestións que che estimulan a lectura.
Ademas podes anotar nun folio, notas positivas e negativas, ideas suxeridas e críticas parciais aos capítulos que vas terminando. Non o deixes para o final, crendo que o lembrarás. A mellor memoria é un lapis e papel.

2.        Elabora a ficha  bibliográfica do libro    
Estrutura da ficha bibliográfica:
Autor:
Título:
Lugar de Edición:
Editorial:
Colección:
Data de edición:
Descrición: Páxinas, ilustracións (si/no), …

Recorda tamén que cando cites un libro debes empregar a seguinte forma:
APELIDOS, Nome (autor/a): Título en cursiva. Lugar de edición, editorial, data de edición.
Exemplo:
FERNANDEZ PAZ, Agustín: Noite de voraces sombras. Vigo, Edicións Xerais,2000.

3.       Presentación da obra.
A presentación, xeralmente situada no primeiro parágrafo, contén o idioma orixinal da obra, a lingua á que está traducida se é o caso  e nome do tradutor. Velaquí un exemplo:
A presente obra  é a tradución do francés (obra excelente de Francisco Javier Hernández Neto) do segundo volume dunha gran Historia Universal cuxo primeiro  volume, ?”As primeiras civilizacións?”, foi dirixido por Pierre Leveque [...] trátase dun estudo do século V [...]
Convén facer referencia ao autor/a de a obra (pequenas notas biográficas, os temas en que se especializa, as linguas nas que executa os seus traballos, outras obras que fixese, e se é membro dalgunha asociación…)
4.       Redacción dun resumo do argumento
Posteriormente pasarás a describir en poucas liñas o argumento central do libro lido, ou unhas ideas que resuman a formulación xeral do mesmo. Non hai que estenderse en mil detalles.  Canto máis sinxelo e claro o argumento ,mellor se entende. É importante destacar o seu tema ou temas principais e os seus puntos de interese.
Se se trata dunha narración debes explicar o tempo no que sucede a historia, o espazo, os personaxes, o narrador que foi empregado… para que a información sexa máis completa.
5.       Crítica persoal
Debes facer unha crítica ou comentario sobre o lido. Se tes información do tema , por outras lecturas, experiencias, aprendizaxes … debes achegalas con criterio. Non se trata de dar unha opinión sen máis. Cómpre facer valoracións argumentadas, apoiadas nas reflexións feitas logo dunha lectura intelixente. Podemos centrar a atención na obra en conxunto ou nalgún aspecto que a nós nos interesase máis ( por exemplo podes opinar  sobre a caracterizacións dos personaxes, ou sobre o tratamento que se fixo dun tema determinado, ou do desenlace do libro ). Tamén podes facer unha valoración sobre o que che achegou a ti o libro, o que aprendices ao lelo…É costume anglosaxón recopilar as frases, pensamentos, etc. que máis impactaron ao lector  polas razóns que fose.


COMO DEBES PRESENTAR A TÚA RECENSIÓN:
- O traballo debe facerse con ordenador. Con letra 12 puntos e espazo sinxelo.
- Na portada debes incluír a ficha bibliográfica do libro ( preferiblemente na parte central do folio) . No extremo inferior dereito , escribe o teu nome e apelidos, o teu curso e a materia para a cal fas a recensión.
- A redacción ten que ser persoal. Se copias algún parágrafo literalmente de Internet o traballo estará suspenso.
- Se escribes unha frase  ou fas unha cita textual, pona en cursiva e entre comiñas, e ao final fai a referencia bibliográfica da cal a tomaches.




0 comentarios:

Enviar um comentário