LECTURAS 3º TRIMESTRE/3º ESO

LECTURAS RECOMENDADAS PARA 3º DE ESO:

Aquí vos deixo os libros entre os que deberedes escoller a lectura do TERCEIRO  trimestre. 


O narcisismo e a marcada competitividade de Gala, unha rapaza de catorce anos brillante nos estudos e cunha imaxinación portentosa, acaban por condenala ao abandono por parte das súas amigas. Ante esta situación, mergúllase na lectura de forma compulsiva e vai diminuíndo a súa necesidade de inxerir alimentos; dous factores que, unidos, provocan en Gala un afastamento da razón e a convicción de que o reino de Margonia está agardando por ela. Despois de sufrir un episodio grave de saúde, os pais ingrésana nunha unidade somática onde establecerá unha relación moi especial coa psiquiatra Lourdes Regueiro, quen se converterá na súa confidente, na única persoa que terá acceso ao Caderno Vermello de Gala.

 Chamando ás portas do ceo
 Silvia, estudante de Medicina, marcha á India para traballar como cooperante durante o verán nun hospital situado nun perdido lugar do mundo. Ao facelo, enfrontáse cos seus pais e co seu noivo, e toma así, seguindo o seu instinto e o seu corazón, unha decisión que cambiará a súa vida e a súa forma de pensar. Na India coñecerá a dor e o sufrimento dos que non teñen nada, pero tamén a alegría e a paz da súa conciencia, e vivirá a cabalo non de dous, senón de tres mundos: por un lado Arturo, que a espera en España; por outro Leo, o médico, cooperante coma ela, capaz de renunciar a todo por estar alí; e, finalmente, Mahendra, o hindú que garda o máis doloroso dos segredos e que a introducirá nun novo horizonte sen fronteiras.
 
 A historia de Carlota, unha rapaza de dezaseis anos que debe facer amigos no seu instituto novo. Non é doado conseguilo e menos se unha ten o cabelo rapado ó cero e se sente como un ídem á esquerda. Carlota non entende por que os seus pais a obrigan a ir a clase. Só, Poch o cantante morto de Derribos Arias é quen de comprendela e manter longas conversas co ela desde a súa foto, aínda que non sempre lle dá a razón.Nestes meses Carlota descubrirá o amor e o desamor, e intentará pillar o ceo cos pés.



 
 Cando o doutor Vítor Moldes comeza a traballar na clínica psiquiátrica Beira Verde, ten como primeira paciente a Laura Novo, unha muller coa memoria borrada, que ocupa as horas do día en escribir de xeito compulsivo o seu nome, aferrada a el coma se fose o único resto dalgún naufraxio emocional. Mediante unha terapia innovadora, o doutor consigue que a paciente abandoe a súa prisión interior e comece a lembrar o seu pasado. «Escríbao todo, reviva outra vez o que pasou. Escriba o que non é capaz de expresar con palabras en voz alta. Así irán collendo sentido as lembranzas que agora permanecen enmarañadas na súa memoria.» O doutor conseguirá que Laura rememore todo o que lle sucedeu nos meses anteriores, cando unha escura sombra parecía ameazar a súa vida. Ningún dos dous podía imaxinar que lle estaban abrindo a porta a unha realidade terrible, ao esqueceren que por baixo da tranquilizadora superficie da vida os terrores máis fondos agardan a ocasión propicia para destruírnos.
 As fronteiras do medo
 As historias de terror teñen o efecto de remover nos seres humanos os medos atávicos que a civilización tenta ocultar baixo a aparencia da razón, a ciencia e o control. Mais todos sabemos da existencia de feitos que contradín toda lóxica, de realidades que fan abanear as nosas crenzas, por moito que pechemos os ollos e nos neguemos a admitilas. Nas páxinas deste libro, Agustín Fernández Paz mergúllanos en seis historias que traspasan «as fronteiras do medo».
 
 Desde o primeiro día que puxo os pés na casa da praia comezaron a sucederlle dúas cousas que, aparentemente, parecían non estar relacionadas: empezou a proerlle, arderlle a man esquerda e comezou a pensar compulsivamente en cambiar de lugar o pozo negro. Máis tarde, notou que os dedos perderan sensibilidade e foi quedando abraiado pola súa torpeza cando cavaba un foso no Cemiterio das Pedras Brancas, onde atopará unha caixa dourada que atesoura unha man. Unha man humana, enteira, perfecta. Viva. 

Xosé Miranda recolle neste volume algúns dos seus mellores relatos de medo e terror. A dexeneración e rexeneración dos corpos, as vellas tradicións naturistas, os labirintos de ocultismo, o home peixe… son algúns dos temas destes contos cheos de intriga que meten ao lector dentro de cada un dos relatos e dificilmente o deixa fuxir.


 Palabras envelenadas

Que pasou con Bárbara Molina? Nunca se encontrou o seu corpo nin se conseguiron probas para deter ningún culpable. Unha chamada a un móbil pon patas arriba o destino de moitas persoas: o dun policía a piques de se xubilar, o dunha nai que perdeu a esperanza de atopar a súa filla desaparecida, o dunha rapaza que traizoou a súa mellor amiga.
Palabras envelenadas é unha crónica dun día trepidante, vivido contra o reloxo e protagonizado por tres persoas próximas a Bárbara Molina, desaparecida misteriosa e violentamente cando tiña quince anos. Un
enigma que, despois de catro anos sen se resolver, vaise ver sacudido por novas claves. 



A eterna sede de sangue dos lobishomes...
Elvira, unha rapaza adolescente, séntese atraída por un mozo ao que coñece nunha discoteca un sábado de madrugada, esa atracción lévaa tras del ao monte de Candeán. Durante días non se sabe dela, e ao pouco aparece morta, cunha coitelada no estómago. Ao seu carón unhas estrañas pegadas de lobo. Os seus amigos deixan as súas actividades cotiás e convértense en brigadistas na procura dun lobo, ao que se escoita ouvear polas noites, e que consideran causante do asasinato. Establécense novas relacións entre eles e tamén coas súas familias. Así mesmo, un mozo da zona foxe todas as noites pola fiestra da súa habitación. A relación cos seus pais é fría e distante, non se leva cos mozos do lugar. É un rapaz solitario e retraído, que se cadra, coñece o que acontece na bisbarra. Balbina e Manuel —o policía— desenmarañarán o misterio que ten en vilo a todos os veciños. Celia, a nai de Elvira, tras algún tempo, volverá sorrir.


 Volume que reúne dez relatos escritos nun amplo marco temporal. Todos exploran, desde variadas perspectivas e rexistros, diversas concepcións do amor e do desamor, desde o descubrimento adolescente á afirmación póstuma, do amor idealizado ao pasional, do amor esquecido ou frustrado ao recuperado. Os relatos indagan con gran profundidade nos sentimentos humanos, ás veces desde a melancolía ou desde unha profunda tristeza; con todo, conteñen un pouso de alegría que pon de manifesto o amor, unha paixón capaz de cambiar completamente a vida das persoas, da que sempre queda algo, aínda que sexa en forma de lembranza.
As historias mostran algunhas claves da poética do autor: o diálogo con creacións culturais diversas, a mirada literaria e cinematográfica, a evocación do pasado, neste caso a través da memoria sentimental, a homenaxe aos libros, a presenza do sobrenatural ou o imprevisible azar.
 

Un adolescente é enviado pola súa nai dende París a pasar cunha tía unha boa tempada na vila de Auvers. Durante aqueles días do verán de 1890, coñecerá a Vincent, un pintor que semella beberse a vida con cada violenta pincelada sobre o lenzo e do que durante sesenta e nove días se fará inseparable, acompañándoo no seu deambular polos trigais e na súa infatigable loita contra os convencionalismos da vida provinciana. Mais o mozo tamén descubriá o amor, coñecerá algúns misterios sobre o seu pasado e se enfrontará por vez primeira á morte, o que o obrigará a tomar unha decisión sobre o futuro que lle agarda.
 
 Verán de 1995. No pazo dos Soutelo, ao facer unhas obras de restauración, descúbrese un esqueleto dentro dunha alfombra enrolada, oculto entre dous tabiques. Un cadáver emparedado hai máis de cincuenta anos, cun furado de bala na cabeza. Quen é o morto? Que man empuñou a pistola que o asasinou? Clara Soutelo, testemuña involuntaria da descuberta, asume o reto de desvelar o misterio que se agocha tras as dúas preguntas. Unha investigación complexa, que a levará a indagar no pasado da súa familia. Moito tempo despois, cando xa é maior, decídese a contar os sucesos daquel verán dos seus dezaseis anos, cando descubriu a plenitude do primeiro amor e mudou para sempre a súa forma de entender a vida.
 
 Makinaria de Carlos Negro é unha aceleración poética de cero a cen en tres segundos. Se tes arredor de quince anos, vas de malote e mallas na música, este pode ser o teu libro; un libro de versos co depósito cheo de gasolina, testosterona e alcohol; un libro de versos tuneados, maqueados de furia xuvenil, sen máis límite que o do contaquilómetros que sinala unha ruta suicida; un libro de versos sen final feliz: porque a Morte converte a euforia en chatarra, porque só admite como meta o destino cemiterio.
 

Este é un libro de versos que rompen as costuras do silencio; un álbum secreto para todas aquelas mozas que procuran una fenda nos valos, máis alá da gaiola rosa dos contos de princesas; un diario onde unha adolescente convulsa e opaca atopa a voz que nunca tivo. Porque medrar é aprender a fuxir da ditadura dos espellos. Non agardes máis: entra nun universo onde non todo vai ser fashion & cool & chic & sexy.
 
 Dende a desaparición de Natalia os pais de Antón xa non lle deixaban baixar o lixo á noitiña. Parecía incríbel que a súa vida, a vida de todos eles, dese un xiro tan brusco e dramático en tan pouco tempo. As cousas andaran nas mans do demo dende que a nova da desaparición de Natalia, compañeira de clase de Antón, correra como a pólvora por toda a praza da Bichoca. O sábado, ao día seguinte de desaparecer, xa o sabía todo o mundo. Mais foi o domingo cando todos foron conscientes da brutal realidade e de que a cousa ía en serio.
 Alua.com

Dicir que esta novela recrea e actualiza a historia de Cyrano de Bergerac é só unha das súas moitas garantías. Unha obra intensa en todos os seus ingredientes: polas emocións que se viven, polas situacións levadas o límite, polo seu estilo hiperbólico... É unha fiestra aberta ao mundo da mocidade de hoxe, cunha carga de naturalidade, compañeirismo e amor que moitas veces o mundo adulto se nega a concederlles aos mozos.


 Un profesor universitario recibe como agasallo un xogo de ordenador chamado Parallel City. Aos poucos o xogo absórbeo e a súa vida cotiá comeza a padecer as consecuencias. Axiña o profesor terá dificultades para diferenciar a realidade da ficción, sobre todo cando as súas andanzas no mundo virtual sofren un xiro inesperado.
Game Over mestura intriga retranca e unha visión de futuro sobre a dimensión que detrás do ordenador nos evoca a vella metáfora do espello de Alicia.





Arcadio Macías, perdedor dunha guerra e dunha posguerra, prepara a súa saída de España. Está seguro de que a loita terminou. Mais a realidade –en forma dunha represión que non cesa– axiña lle vai demostrar o contrario. Isto desatará a súa rebeldía e impediralle fuxir. Converterase así nun combatente solitario e vingador que cambiará a realidade dunha bisbarra. Un home atrapado nun recuncho da Historia que axusta contas co mundo fratricida en que lle tocou vivir.

0 comentarios:

Enviar um comentário